sábado, 20 de maio de 2017

Toponimia maior das Pontes


Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, primeiramente omitimos todos aqueles topónimos con significado transparente, cuxa explicación sería de  pouco valor. Ademais,  dado que para este concello non están recollidos oficialmente os microtopónimos, esta páxina "soamente" recolle aqueles que figuran no "Nomenclator", que corresponden cos nomes de núcleos de poboación e freguesías.
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo e vaiamos tendo axuda. En particular sería de axuda ter soporte e acceso a documentación medieval que nos permitise contrastar os nomes actuais coa súa representación antiga.

-----------
ACIVEIRAL (O Freixo)
Os nomes "aciveiral", "acivedo", "acivido", indican un lugar onde abundan  (abundaron) os acevos,  tamén chamados acivos ou acivros (Ilex aquifolium).
Hai outro "aciveiral" nas Neves (Ortigueira).

A AZOREIRA (O Deveso, A Faeira)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de 'lugar onde hai azores amansados' (cf. aquí).
É un topónimo  frecuente, así atopamolo en Muras, Alfoz, Xove, Valadouro, Xermade, etc.

A BESURA (O Aparral)
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", 'arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego' (cf. DDD).
Alternativamente, podería provir de "avesura", relativo a lugar vesío.

A CALVELA (Somede)
Os topónimos "Calvo", "Calva", "Calvelo", "Calvela" e "Calveira" referen metaforicamente a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

A CERNADA (O Deveso)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sobe, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estivesen acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. V. Risco, "Terra de Melide").

A CORNA (San Pedro de Eume)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia").
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso metafórico orográfico (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

A COVELIÑA (As Pontes)
Forma diminutiva de "covela", á súa vez diminutio de "cova", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

A CUÍÑA (As Pontes)
A orixe do termo "cuíña" é discutida, aínda que probablemente corresponda co apelativo "cuíña" 'pequena elevación de terreo'. Esta é a orixe que lle asigna tamén P. Martínez Lema (cf. aquí). Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba"  .
Hai outras teorías, como derivalo do latín colina ou culina, co significado de "cociña" (cf. aquí), co argumento de ser improbable que derive do latín collina, pois non se perde o dobre l.
Outra teoría alternativa é a de Elixio Rivas e Cabeza Quiles, que explican os diversos Cuíña / Cuña do territorio galego como derivados dunha raíz oronímica preindoeuropea  *con / *cun "rocha, prominencia, altura". Finalmente, Nicandro Ares apunta a posibilidade de derivar do apelativo "coíña", no senso de "col nova". Porén, crémolo improbable, pois un apelativo tan común, que sería anecdótico, non pode ter tantas ocorrencias na toponimia galega. Outra alternativa que propón N. Ares é a de "coia", o termo prerromano.

A FILGUEIRA (San Pedro de Eume)
Lugar onde abundan os felgos.

A GRAÑA (Bermui, Ribadeume)
O termo "graña" viría do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa", da mesma orixe latina.
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

A INSUA (O Freixo), A INSUA DO BAIO (O Freixo)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

A PANDA DE ADÁ (O Freixo)
Unha "panda" é unha lomba, un terreo combado ("pandado").
En castelán existe tamén "pando" como topónimo, que Corominas interpreta co significado específico indicado no dicionario de "terreno casi llano situado entre dos montañas" (cf. RAE) (cf. DCEH).

Para "Adá", ver a entrada "Adá".

A PENA DE EIRIZ (Seoane)
De Pinna Agirici, forma en xenitivo de Agiricus, referindo ao nome do antigo posesor da pena, nome de orixe xermánica.

A PICHEIRA (O Freixo)
Picheira tería o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

A POUPARIÑA (O Freixo)
Este  núcleo de poboación comparte topónimo coas veciñas "A Poupariña" de Momán e de Ourol.
Tendo en conta o significado portugués de poupa 'bubela' (lat. 'upupa'), Joseph Piel, interpretou os topónimos "Poupa"  e "Poupariña" como nomes da "bubela", se ben non se mostra convencido (cf. J. Piel, par. 37 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tal como escribiu Piel, Ich lasse es bei dieser auswahl bewenden 'déixoo na selección'.

A SEARA (As Pontes)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É un apelativo de orixe prerromana, derivado da forma pre-céltica sénara.

A TELLEIRA (Espiñaredo)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar. 

A UCEIRA (Somede)
Unha "uceira", "ucedo" ou "uzal" designa un monte ou terreo poboado de uces (cf. DRAG).

A VACARIZA (As Pontes)
O termo "vacariza" é recollido polos dicionarios de galego co significado de "curtidoría de peles" (cf. DDD).

A VALIÑA (Somede)
Unha "valiña" é un"vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. O termo "vale" era de xénero feminino antigamente, daí a forma dese diminutivo.

A VILERMA (Ribadeume)
En galego "ermo", aplicado a un lugar, indica un sitio vougo, deshabitado e sen cultivar (cf. DDD). Provén do latín eremus 'deserto, solitario, inculto'.

ADÁ (O Freixo, As Pontes)
Posiblemente da mesma orixe que o "Adá" existente en Chantada, atestado como Adaam (1268) e Adaan (1284), par o que Piel-Kremer derivan do nome xermánico Ata(ne), en canto que Nicandro Ares propón do tamén xermánico Atala, que encaixaría mellor para as grafías medievais mencionadas.
O topónimo derivaría, xa que logo, de (uilla de) Atala, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.

ALMIGONDE (Espiñaredo)
Probablemente de *(uilla) Elmigundi, forma en xenitivo de Elmigundus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ('expotación agraria'), nome de orixe xermánica.

ALVARÓN (As Pontes)
Probablemente de *(uilla) Alvaroni, forma en xenitivo de Alvaronis, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ('expotación agraria'), nome de orixe xermánica. Aínda que non o atopamos atestado en Galiza, si aparece en Portugal, en Penafiel (cf. p. 161 de A. Fernandes. "Paróquias Suevas e Dioceses Visigóticas").

ARES (O Aparral)
Topónimo de orixe prerromana, probablemente derivado do elemento prerromano,  *ana- 'barro, lodo, charco, pantano, auga', elemento moi difundido na toponimia galega, posiblemente de orixe céltica. Sería o mesmo tema que se conserva na segunda parte do hidrónimo Guadi-ana, ou tamén na posterior análise realizada máis adiante para "O Ar" (Goente). Así mesmo, o lugar de Hombre (Pastor, Pino, A Coruña), que esta atestado como Anobre no ano 971 (antes da caída dos n intervogálicos: "in ualle Bauegio uilla Anobre". Este Anobre, ademais, levando o sufixo celta -obre, derivado de *briga 'cidadela' (cf. E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17).
En efecto, é probable unha orixe coincidente coa do topónimo homónimo que dá nome ao concello da Coruña próximo a Ferrol. Está atestado en 1137 'Sancti Martini de Aares', que se pode restituír con moita probabilidade a *Anaris, derivando da dita raíz *ana-, presente tamén no galo anam 'paludem' segundo o Glosario de Endlicher. Esta é a hipótese que defenden I. Millán, Monteagudo e o propio Bascuas (cf. Bascuas, ibidem).
Por outra banda, tal como indica Bascuas, se non provir dese Anaris, tamén podería ter unha orixe no tema hidronímico *ar-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse'. A documentación medieval podería esclarecer o caso.

AS CABANDELAS (O Freixo)
Diminutivo plural de "cabana", do latín capanna 'cabana'.

AS CAIVANCAS (Goente)
O dicionario define caivanca como 'depresión suave do terreo' (cf. RAG).

AS CASAS ERMAS (O Aparral)
En galego "ermo", aplicado a un lugar, indica un sitio vougo, deshabitado e sen cultivar (cf. DDD). Provén do latín eremus 'deserto, solitario, inculto'.

AS CONGOSTRAS (Goente)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de 'corgo, córrego'.
A palabra vén do latín congusta 'estreita' (cf. DDD).

AS EIROAS  (O Freixo)
O termo "eiroa" procedería dun *ārĕŏla, diminutivo a partir do latín ārĕa 'área, superficie; lugar chan; solar', o cal deu no galego "aira" e "eira" 'lugar chan, próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc.’ (cf. DRAG).  Esa é a orixe foi atribuída xa por Sarmiento, e máis contemporaneamente por Moralejo Lasso (cf. A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa". 1977), Cabeza Quiles e outros.
É importante notar comparativamente para o homónimo en catalán "erola" o significado de 'pla petit al cim d'una muntanya' (cf. aquí). Cremos que o significado orixinal de "eiroa" debeu ser igualmente 'pequena chaeira na cima dunha montaña'.

AS FERREIRAS (Goente)
O termo "ferreira", provén do latín ferraria '‘mina de ferro'.
Aínda que máis improbable, tamén encaixaría unha orixe en "terras pertencentes a Ferreiro", indicando o apelido ou profesión dun antigo posesor.

AS FURNAS (O Deveso)
Unha "furna" defínea o dicionario de X. L. Franco como "cova subterránea que existe nun monte ou lugar áspero e brañoso."

AS GAÑIDOIRAS (Ribadeume)
Posiblemente "gañidoira" proveña de "gañir", nun sentido extenso, dun lugar que roxe o vento ou similar, parello a "monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro).
Hai outro "A Gañidoira" en Muras.

AS LAMELAS (O Freixo)
Diminutivo plural de "lama". Os dicionarios definen lamela coas acepcións de "Paraxe onde costuma estancarse a lama", e tamén "Prado pequeno para verde".

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ (As Pontes)
Este núcleo de poboación, capital do concello, no uso local chamado simplemente "As Pontes", chamábase Pontes de Eume no século XIII; así, atopamos Pontes de Eume en documentos de 1238, 1244, 1248; tamén figura coa grafía "Pontes de Heume" en 1244, etc (cf. p. 229 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
En canto a "García Rodríguez", fai mención ao conde García Rodríguez de Valcarce e Balboa, a quen o rei Henrique II de Castela deu posesión en 1376 das terras do val no que se asenta este concello (cf. E. Rivera Rouco, 1976. "Estudio sobre la historia de Puentes de García Rodríguez y su comarca").

AS TEIXOEIRAS (Espiñaredo)
Lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DDD).

BENADE (A Faeira)
De *(uilla) Bennati, forma en xenitivo de Ben-natus 'ben nacido', referindo ao nome do antigo posesor da uilla ('expotación agraria'), nome de orixe latina.

BERMUI (Bermui)
Probablemente de *(uilla) Veremudi, forma en xenitivo de Veremudus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.
Aínda queo antropónimo podería ter sido tamén Beremudus, cremos máis probable Veremudus, dada a súa abundante atestación, xa no século IX (cf. aquí). Ademais, sendo que no século IX aínda se distinguía entre os fonemas  /b/ e /v/, máis aínda no comezo de palabra, torna improbable, escribíndose con V, que derivase de Beremudus.

BRANDIÁN (Somede)
De *(uilla) Brandilani, forma en xenitivo de Brandila, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica, da raíz gótica *brand- 'espada', e o sufixo hipocorístico -ila(ne).

CARELLE (Ermo)
O termo "Carelle" derivaría de (uilla) Carellii, forma en xenitivo de Carellius, o nome dun antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").
Para Joseph Piel viría de (uilla) Carilli, forma en xenitivo de Carillus (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos". Biblos).
Atópase outros Carelle en Ortigueira e en Muras, entre outros.

CASCALISTO (Goente)
De Casa Calixto, referindo ao nome do antigo posesor do casal.

CHEIVÁN (Chavín)
De *(uilla) Flaviniai, forma en xenitivo referida ao posesor co nome de orixe latina Flavianus, hipocorístico de Flavius.

CORNAS (Goente, San Pedro de Eume)
Ver "A Corna".

ESPÁ (Goente)
De *(uilla) Aspadii, forma en xenitivo de Aspadius, indicando o nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria").

ESPIÑAREDO (Espiñaredo)
Un "espiñaredo" designa un lugar poboado de espiños.
Neste caso, este topónimo presenta dobre sufixo abundancial (-ar + -edo), caso infrecuente.

GOENTE (Goente)
De *(uilla) Gaudentii, forma en xenitivo de Gaudentius, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria").

GONDRÉ (As Pontes)
Probablemente derive de *(uilla) Gunderedi, forma en xenitivo de Gunderedus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.
En efecto, está atestado na Idade Media o topónimo Gunderee ('Menendus Roderici de Gunderee', cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

GORGODE (Espiñaredo)
De *(uilla) Gaurguti, forma en xenitivo de Gaurgutus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.
En canto á etimoloxía xermánica concreta de Gaurgutus, a segunda parte do nome,*gut- 'godo',  é frecuente na antroponimia galega; a primeira parte (gor-) sería tamén de orixe xermánica, aínda que incerta: Piel, para o topónimo portugués Gormão, citando a Meyer-Lubke, considéraa da raíz Gaur-, de gaurjan 'magoar', gaurs 'pena' (cf. p. 36, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo IV).
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

LOURENTÍN (Goente)
De *(uilla) Laurentini, forma en xenitivo de Laurentinus,  referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"). O antropónimo Laurentinus é unha forma hipocorístico de Laurentius, nome de orixe latina.

MERLÁN (O Freixo)
Probablemente de *(uilla) Merilani, forma en xenitivo de Merila, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica, de mereis 'famoso'. É un nome atestado no Medioevo galego (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

MORIXOSO (San Pedro de Eume)
Posiblemente, forma evoluída por "moruxoso", abundancial de "muruxa", planta anual da familia das cariofiláceas, de follas pequenas ovais e flores brancas, propia de terreos húmidos e estercados. Este topónimo concreto está mencionado por Navaza, aínda que coa grafía Murixoso, e interpretado tal como se indicou (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
O paso de Muruxoso para Murixoso é un fenómeno común no galego, por influxo da palatal que segue á vogal; así foxoa pasa a "fixoa", ou folloa > filloa.
Hai tamén un "Muruxás" no Vicedo.

O AR (Goente)
Topónimo de orixe prerromana, probablemente derivado do elemento prerromano *ana- 'barro, lodo, charco, pantano, auga', elemento moi difundido na toponimia galega, e posiblemente de orixe céltica. Sería o mesmo tema que se conserva na segunda parte do hidrónimo Guadi-ana, ou tamén na anterior análise realizada para "Ares" (O Aparral). Así mesmo, o lugar de Hombre (Pastor, Pino, A Coruña), que esta atestado como Anobre no ano 971 (antes da caída dos n intervogálicos: "in ualle Bauegio uilla Anobre". Este Anobre, ademais, levando o sufixo celta -obre, derivado de *briga 'cidadela' (cf. E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17).
Así mesmo, os múltiples "Anido" esistentes, como o lugar de Bares (Mañón), o lugar de Frexulfe (O Valadouro), etc tamén virían deste elemento, neste caso con xeminación da consoante, *ann-, e co sufixo abundancial.
Bascuas refere este topónimo "Ar" como un dos dous posibles na mención en 1252 de 'Vermún Ovequez d-Aar', atestado no Tombo de Caaveiro. Se fose este Aar, con moita probabilidade derivaría dun *Anarem, a partir do elemento *ana- comentado previamente.(cf. p. 20, E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Por outra banda, tal como indica Bascuas, se non provir dese Aar, entón tamén podería ter unha orixe no tema hidronímico *ar-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse'.

O BRIXEO (As Pontes)
Derivado do latín vulgar viridiagiu, que faría referencia á súa cor verde da vexetación.
Este topónimo é recollido por Bascuas, quen o relaciona co castelán "Berceo", o cal segundo M. Pidal terí esta orixe, a través dunha forma intermedia atestada Vergegiu (cf. p. 468 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17).
Da mesma orixe serían outros dous topónimos Brixeo, en Cambás (Aranga) e en Salgueiros (Monterroso). Igualmente sería Berxeo en Meda (Castroverde).

O BUSTO (O Freixo)
O termo "busto" indica lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas'  (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

O CACHOPAL (Ribadeume)
Lugar onde abundan as cachopas.
O dicionario define "cachopa" como 'toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado'.
Aínda que  "cachopa" teña  tamén a acepción de "ama de casa", é descartable, pois a súa presencia como topónimo sería como alcume, e non xustificaría a abundancia de topónimos "cachopa" en Galiza.

O CANDEDO (O Aparral)
Un "candedo" sería sinónimo de garabullal, lugar onde hai "candos" ('garabullos, guizos'). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

O CATAROU (As Pontes)
Existe outro "Catarou" en Viveiro, o cal probablemente corresponda co referido nun documento en latín de 1166, xa grafado "Catarou". Ademais, existen outros "Catarou" en Santa Cilla (Foz), así como un "Catarón" en Sobrado.
Tendo en conta as formas Catarou e Catarón, ambas provirían dun *Cataroni, ambas evolucións diferentes pero encaixando na evolución do galego.
O topónimo "Catarou" probablemente teña unha orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)-. Ver entrada do blog específica para máis detalles.

Nicandro Ares, para o  Catarou de Viveiro, aínda asignándolle orixe descoñecida, indica a hipótese dun apelido, e cita o exemplo de "Domingo de Catarrón" (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega"). Sen descartar totalemente esta hipótese, semella improbábel a evolución en galego de Catarrón para Catarou.

O CHAMOSELO (As Pontes)
Diminutivo de "chamoso", que podería provir de flammosus 'ardente, inflamado' ou de clamosus, no sentido de 'rumoroso, resoante'.
Existe o río Chamoselo, tamén nas Pontes, descoñecemos se o nome foi dado do núcleo de poboación ao río, ou viceversa.
O máis axeitado para un topónimo semella, sen dúbida, a de "rumoroso", que encaixaría perfectamente no caso de ser o río o que dese o nome ao núcleo de poboación. Esta é tamén a opinión de Nicandro Ares, para o caso do antigo Condado de Chamoso, no Corgo (Lugo), atopou documentación antiga, pero aparece tanto como Flamosus como Clamosus.

O CORNOCELO (O Aparral)
Diminutivo de "corno", probablemente nun senso de "lugar pedregoso". Ver "A Corna".

O COTELO (O Freixo, As Pontes), O COTILLÓN (Ribadeume)
Tanto "cotelo" como "cotillón" son formas diminutivas de "coto", voz de orixe prerromana, que indica 'parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

O COUCE (San Pedro de Eume), O COUCE GORDO (O Freixo), O COUCE REDONDO (O Freixo), O COUCE SECO (O Freixo)
A palabra "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
No entanto, para Moralejo Lasso, estes "couce" virían do latín calice 'cauce' (cf. p. 88 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").

O DEVESO (O Deveso)
Do latín (locu) defenso (lugar resguardado, vedada). Significa "terras cercadas". Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

O ESBEDRAL (O Deveso)
Lugar onde abundan os érbedos ou esbedros (Arbutus unedo), árbore que dá un froito usado para aromatizar licores a base de augardentes e para preparar marmelada.
A forma "esbedro", así como os topónimos derivados, son comúns na Mariña e no Ortegal. Dicía Sarmiento que "esvedro en Vivero es el madroño".

O ESTEO (O Freixo)
O dicionario define esteo como "Columna, pilar; estaca para soster as vides" (cf. DDD). Podería indicar, xa que logo, a presenza dunha columna ou pilar significativo por algunha razón.
Hai unha segunda acepción, rexistrada por Aníbal Otero, de "pastizal malo pero fácilmente utilizable" (cf. DDD).

O FORO (O Freixo)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, "Dicionario").
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FREIXO (Espiñaredo, O Freixo)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os freixos.
É un topónimo frecuente en Galiza.

O GROU (Vilavella)
O dicionario recolle para grou o significado de "macho da grúa". Hai unha segunda acepción de 'quebrada, gruta', que semella máis probable para un topónimo. Esta segunda acepción foi dada por Aguirre del Río (cf. L. Aguirre, 1858. "Diccionario del dialecto gallego"). Con todo, dánse lugares na toponimia con nome de animal, e por tanto non se pode rexeitar a primeira acepción.

O LOMBEDRADO (Ribadeume)
De "lombo hedrado", con "lombo" indicando metafóricamente un 'lugar combado, no alto' e hedrado 'poboado de hedras'.

O MARIÑAO (As Pontes, Bermui)
Posiblemente o xentilicio do antigo posesor do terreo, de ser "orixinario da Mariña", no sentido da Mariña oriental, que é o que por defecto se entende por "mariñao" na Mariña occidental.

O NARÓN (As Pontes)
O topónimo Narón atopámolo en varios lugares galegos: ademáis deste das Pontes, encóntrase o do concello de Narón, o de Portomarín e o de Becerreá.
Trátase probablemente dun hidrónimo de orixe prerromana, a partir da forma paleoeuropea *nar-,  derivada da raíz indoeuropea *ner- ‘penetrar, mergullar, agochar, oco’ identificada por Pokorny (cf. p. 766, IEW), quen relaciona esa raíz con varios ríos bálticos.
En efecto, a terminación -ón é frecuente na hidronimia antigoeuopea. Filólogos como Bascuas teñen defendido esta orixe para "Narón", incluíndoo entre os exemplos da alternancia de flexión -a / -ón, característica da hidronimia antigoeuropea: Avia / Avión,Vara / Varón, Deza /medieval Dezón (> Dozón), medieval Naria (>Neira) / Narón, Sala / Salón (> Jalón)  (cf. p. 26, E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Dentro da serie de hidrónimos derivados desta forma *nar- pertencerían  os ríos Neira (<Naria), afluente do Miño, Naraya e Narayola (León),  Narcea (Asturias), e tamén outros hidrónimos tales como Naraval (< Nara vallem), en Asturias. Tamén da mesma orixe atoparíanse outros topónimos como Naraío (Ferrol, San Sadurniño), Naraído (Trabada), Naraxa (A Fonsagrada), e posiblemente Nariño (Val do Dubra), Nariga (Ponteceso) e Neiro (Santiago), así como o mencionado Neira como nome de lugares en Vedra, en Láncara, no Páramo, etc.
Posiblemente comparta etimoloxía co río chamado na antigüidade Naro/Naronem, o actual Neretva, que desemboca na costa Adriática.

Por outro lado, Nicandro Ares derívao dun nome persoal, probablemente de Naro, -onis, recollido na onomástica hispana (cf. p.165, M. Albertos, 1966. "La onomástica personal primitiva de Hispania: Tarraconense y Bética"). Alternativamente,  tamén segundo o mesmo autor, podería derivar do antropónimo Naronius, tal como indicou Joseph Piel (cf. p. 335, J. M. Piel, 1947. "Biblos XXIII).


O PALMEIRO (Goente)
Sen documentación antiga que o ateste ou desminta, podemos interpretalo no antigo sentido que rexistrara Viterbo para "palmeniro", de "peregrino ou estrangeiro"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798), e tamén Du Cange recollera para Palmarius, e explicaba que tomaron o nome de "palmeiros" por traerem unha rama de palma de Terra Santa (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatisaquí).  Igualmente Eladio Rodríguez  define "palmeiro" como “Peregrino de Tierra Santa, que traía palma, como los de Santiago llevaban conchas o veneras en señal de su romería”.
Por outro lado, tamén pode simplemente remitir ao fitónimo (Palma Phaenix).

O PARAÑO (As Pontes)
Leandro Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido" (cf. DDD). Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."
Outros significados, como "aparador" ou o  tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira" parecen máis improbables dada a cantidade de topónimos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc). Así e todo, podería estar relacionado con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".

O PEDRÓN (O Freixo)
Pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo (cf. DDD).

O PETOUTO (Ribadeume)
O apelativo petouto figura nos dicionarios co valor de 'elevación, coto, penedo' (cf. DDD).
A familia de termos petouto, peteiro, petón, petar, teñen orixe prenomana .

O PONTOIBO (As Pontes)
Formado a partir do composto Ponte(m) Upio, sendo Upio un derivado da forma indoeuropea *up- 'auga', a mesma que en lituano daría o apelativo upė 'río', ou do río tracio Upios.
En efecto, este topónimo é incluído por Bascuas no seu estudo sobre os derivados da forma paleoeuropea *up- 'auga', asígnalle a orixe indicada. Ademais, Bascuas afirma que foi no Pontoibo onde tivo lugar a batalla, narrada na Crónica de Afonso III, entre o exército do rei Fruela I e as tropas do corpo expedicionario que Abderramán I de Córdoba mandara contra Galiza, ás ordes do seu fillo Aumar (cf. pp. 191-192 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Nese estudo, rexeita a lectura Pontumio feita do texto por algúns historiadores, mencionando que as dúas mellores edicións da Crónica, a de Gómez Moreno e a de García Villada, dan as transcricións Pontubio e Pontuuio. Por outro lado, Bascuas rexeita tamén  a interpretación de I. Millán quen, coa lectura Pontubio, sitúao á beira do río Eo, talvez preto da actual freguesía de Obe, e indica que non encaixaría por criterios etimolóxicos, concluíndo que o lugar con certeza corresponde co Pontoibo das Pontes.

O PORTO (Somede), O PORTO ROIBO (Vilavella)
Topónimo transparente, referido á existencia dun "porto" de río.
En canto a "porto", os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de 'porto de mar' como a de 'vao no río, sitio por onde se pode atravesar' e a de 'garganta por onde se atravesa un monte'.
Por outra banda, aínda que non semella sexa este o caso, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías: "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos" (cf. E. Ferreira, 1988. "Los caminos medievales de Galicia").

O REBOREDO (Vilavella)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

O REGODOURO (O Freixo)
Probablemente comparta orixe co topónimo río "Ouro", o cal está documentado na Idade Media como Aurio.
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír" (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea, a mesma que está presente en Pontoibo (< * Ponte Ubio).

Non cremos probábel a interpretación de F. Villar e outros autores, que relacionaron este topónimo co latín aureum  'de ouro, dourado' (aínda que Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos).

O SISTO (Ribadeume)
Para Díaz Fuentes, "Sisto" sería unha "parada nun camiño" (cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria).
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados (cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos"). Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva (cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).

O TORRILLÓN (O Freixo)
A priori, o termo tería derivado de "torre", e podería ter sido unha torre de vixilancia, ou ben restos de castro... E de feito, existe o "Castro do Torrillón", que sería portanto unha suposta tautoloxía, fenómeno relativamente frecuente na toponimia.
Na Mariña hai outro Torrillón nas Negradas (O Vicedo), que non parece corresponderse con ningunha antiga torre nin castro, e que lle asignamos unha orixe na raíz prerromana *tur-.
Alternativamente, xa que logo, podería asignárselle unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ilione. En efeito, non somente a raíz prerromana *tur-, é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf.  aquí:  F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). A favor desta hipótese, lembrar topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

O VILAR (A Faeira, Vilavella)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas, "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción do dicionario de L. Carré, que pasou logo para outros posteriores, foi 'campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito'.
Cf. DDD.

O VISO (A Faeira)
Referido a "altura, lugar elevado, con boa vista".

O XARELO (O Deveso)
Dúas interpretacións son posibles para este topónimo, tal como indicamos de seguido.
Primeiramente, podemos interpretalo como diminutivo de xara (arbusto, cast. jara). Na mesma liña, podería ser diminutivo de "xaral" (e de *xaralelo > xarelo, por haploloxía das sílabas  -le-lo-).
Por outro lado, Bascuas considera que este Xarelo podería pertencer á serie de topónimos de orixe prerromana que incluiría, entre outos, Xar (Lalín), río Xares (afl. do Sil), río Xario, As Xarelas (Meis). Todos eles serían formacións a partir do tema hidronímico paleoeuropeo *ya- con alongamento -r-, e derivado da raíz indoeuropea *ei- 'ir' (cf. p.362-363, E. Bascuas, 2014."Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"). Con todo, Bascuas tamén indica a posibilidade previamante mencionada de ser Xarelo simplemente un derivado de xara (arbusto, cast. jara).

OS CADAVÁS GRANDES (San Pedro de Eume), OS CADAVÁS PEQUENOS (San Pedro de Eume),
Plural de "cadaval", lugar onde abundan os cádavos, "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DDD).
En portugués "cadava" ten o mesmo significado. Cf. aquí.

OS CANDEDOS DE ARRIBA, OS CANDEDOS DE ABAIXO (O Freixo)
Ver "O Candedo".

OS CODESÁS (Espiñaredo)
Un "codesal" ou"codeseira"  é un lugar onde abundan os codesos.
O codeso, tamén chamado cítiso e piorno, é o nome dunha especie de arbusto, semellante á xesta (Adenocarpus complicatus, aínda que tamén se dá este nome a outras especies como o Adenocarpus hispanicus e o Adenocarpus viscosus) .
Indicaba Marcial Valladares que "Crece en casi todos los montes; florece en junio y julio y sus flores son amarillas. Los labradores úsanla comunmente para barrer y juntar la hoja que los robles y castaños sueltan en el otoño." (cf.  DDD M.Valladares, 1884. "Diccionario gallego-castellano").

OS COVELOS (As Pontes)
Diminutivo plural de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

OS GARABATOS (As Pontes)
Ademais do significado común, nos dicionarios figura  garabato como sinónimo de garabullo (cf. E. Rodríguez) e de "aparello de labranza de tres ou máis dentes curvados; angazo" (cf. DDD).
Para un topónimo, a acepción de carabullo semella a máis axeitada. Así, Navaza interpreta os topónimos "Garabato" como sitios nos que se recollían garabullos, leña miúda para o lume. Tamén comenta a posible relación co portugués gramata (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Tampouco podemos descartar totalmente a referencia á (antiga) existencia dunha pena gravada, de petróglifos; neste senso, Rivas Quintas indica a acepción para "garabatiño" de "Juego de tres en raya" (cf. E. Rivas, Frampas).

A etimoloxía de "garabato" sería da raíz prerromana *karb-, como carballo e carabullo. Coromines apuntou as distintas acepcións nas linguas peninsulares, e sinalou unha evolución de "pau seco longo", da que pasaría para "pau encorvado para enganchar froita" e dai para "gancho", e finalmente "forma en gancho" (cf. Coromines, DCEH).

OS REBOREDOS (A Faeira)
Ver "O Reboredo".

OS UCEDOS (Ribadeume)
Un "ucedo", "uzal" ou "uceira" designa un monte ou terreo poboado de uces (cf. DRAG).

OS VIDÁS (As Pontes, Somede)
Plural de Vidal, facendo referencia a unha familia Vidal, posesora do lugar.

PAIPAZ (San Pedro de Eume)
Derivado de "Paio Paz", referindo a un antigo posesor do lugar. É unha hipótese que confirmaría (ou rexeitaría) a documentación antiga.

PEDRAFITA (O Aparral)
De "Pedra fita" 'pedra chantada', lugar onde posiblemente houbo un marco, quer medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

PENA PORREIRA (Vilavella)
Orixe incerta, posiblemente indicando a forma da pena.
Para Navaza, que menciona este topónimo concreto, o termo "porreira"  tería o significado transparente de abundancial de porros, lugar onde nacen ou propicio para os porros, entendendo porro nun sentido máis xenérico de allos, cebolas, porros, etc  (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
No entanto, esta interpretación parece non encaixar tendo en conta a existencia de polo menos seis "Pena Porreira" en Galiza: ademais desta de Vilavella, en Paderne, na Merca, en Palas de Rei, en Crecente, e en Lousame; tamén hai dúas "Pena Porrín", no Valadouro e na Estrada.
Alternativamente, sendo unha pena, podemos interpretalo nun sentido metafórico, indicando unha pena redondeada. Este sentido metafórico xa está atestado na Idade Media, aplicado como alcume ("Gonçaluo Rodrigues, Cabeça de Porro", 1451).

Por outra banda, Xosé L. García Arias interpreta os topónimos asturianos "El Porréu" e "Porrúa" como en relación á pedra, e di que "a algunas peñas de cabeza redondeada las llaman porru o porra, en la toponimia, especialmente hacia el oriente". Coincidimos nesta opinión, tendo en conta a  indicada frecuencia na toponimia de "Pena Porreira" e "Pena Porrín" (cf. nomenclátor Xunta). García Arias, no entanto, non o explica metaforicamente pola forma da pena senón como formas derivadas do céltico *purram ‘hinchazón’ (cf. X. L. García "Toponimia Asturiana")

PERCORDEIRO (O Aparral)
Derivado de "Pero Cordeiro", referindo a un antigo posesor do lugar, sendo Pero a forma medieval correspondente ao nome actual Pedro. É unha hipótese que confirmaría (ou rexeitaría) a documentación antiga.

PORTO DOS FRADES (Goente), PORTO FERREIRO (Espiñaredo), PORTO LIÑARES (Goente)
Ver "O Porto".

REBARDILLE (A Faeira)
Este topónimo foi estudado por Bascuas, quen lle asignou, con dúbidas, unha orixe no tema hidronímico *Ard-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse'. Hidrónimos. Rebardille derivaría de *Ripa Ardili, atestado no 714 como "per ubi intrat aqua de rivulo ardili in flumine Eume". Aínda que a terminación en -e semella provir dun xenitivo de posesor, Bascuas cre que podería ser continuación de un originario *Ard-ilium, coa final relaxada en -e (cf. p. 58 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Tería a mesma raíz que o río Arda, afluente do Douro.

RECEMONDE (O Deveso)
Probablemente derive de *(uilla) Recemundi, forma en xenitivo de Recemundus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

RIBADEUME (Ribadeume)
Forma composta de "Riba de Eume", indicando a súa situación a respecto do río Eume. Así figura atestado desde antigo: atopamos "ecclesia de Riba de Eume ... hereditate de Riba de Eume" 1163; "Sancta Maria de Rippa Eume", 1164; "Ripa de Eume" 1186, 1220, 1241; "Ribba de Eume" 1238;  "Ripa d'Eume" 1250 (cf. p. 229 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Para a segunda parte deste topónimo, ver "Río Eume".

RÍO BELELLE (Varios)
O nome do río Belelle ten a orixe en (uilla) Bellelli, forma en xenitivo de Bellellus, referindo ao nome do antigo posesor dunha uilla ('expotación agraria'), nome de orixe latina.
Tal uilla agraria estaría perto do río e teríalle, por tanto, dado o nome.
A evolución do nome é totalmente regular en galego, coa simplificación do dobre -l- latino e coa palatalización do segmento -elli por influxo da yod final.
O antropónimo Bellellus, diminutivo de bellus, é  recollido por varios autores, entre eles Piel, quen fai referencia a este topónimo galego (cf. J. M. Piel, "Sobre o sufixo -ellus, -ella no onomástico tardio hispano-latino").

RÍO EUME (Varios)
O río Eume, nome de orixe prerromana, paleoeuropea (indoeuropea, prerromana e pre-celta), tería un significado similar a 'o que vai con máis auga = o máis caudaloso', tal como veremos de seguido.
Conserva este  nome polo menos desde hai 13 séculos, cando aparece atestado no ano 714. En efecto, numerosas mencións atópanse rexistradas no Tombo de Caaveiro, entre elas: flumine Eume 714; rivulo Eume 890; fluvio Eume 914; flumen Eume 933; rivulum de Eume 936; etc (cf. p. 229 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

Bascuas asígnalle a este topónimo unha orixe indoeuropea paleoeuropea, derivándoo dunha formación  composta  *Oiw-Ugw-smi  > E-ume , sendo o elemento *Oiw(o) procedente  raíz indoeuropea *ei- 'ir', sendo unha formación nominal *oi-wo-, mencionada por Pokorny como orixe do antigo irlandés *eva- 'corrente, camiño'. O segundo elemento *Ugw-smi  derivaría da raíz indoeuropea *wegw- 'húmedo', co sufixo intensivo ou superlativo -sm-i.
Bascuas relaciona os hidrónimos Eume e Umia, derivando o primeiro da indicada formación atemática en -i,  dándose a mesma alternancia que a  de Avia/Ave, ou a de Támara/Támaris (>Tambre).
A evolución *Ugwsmi  > Eume, coa desaparición do grupo -gws- sería a mesma que a ocorrida en latín con umeoumor, etc (cf. p. 229 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

É de notar o noso desacordo, seguindo a Bascuas, coa interpretación alternativa de Isidoro Millán,  quen postulou  unha evolución *Ponte-de-Ume > *Pontedeúme > Pontedeume, así como *Ripa-de-Ume > *Ribadeúme > Ribadeume. Estes compostos influenciarían a alteración de Ume en Eume, "al dar pie a una falsa interpretación de la -e final de la preposición de como elemento inicial del nombre del río" (cf. I. Millán, 1987. "Toponimia del concejo de Pontedeume .."). Esta interpretación non encaixa, dada a documentación antiga aducida onde aparece reiterada e insistentemente, xa desde o ano 714, a mención a "Eume". Tal como indica Bascuas, "el nombre del río es Eume desde el año 714, se dice Ponte de Eume, Pontes de Eume y Riba de Eume, con plena conciencia de la preposición de + el nombre del río; sólo andando el tiempo se elide la vocal y surge la forma Ponte d'Eume > Pontedeume, etc., tal como ocurre en tantos otros compuestos, como Ribadumia, Ribadulla, Ribadavia, Ribadeo, etc. La hipótesis de Millán está en contra de la documentación y de la normal fusión de elementos en este tipo de formaciones".

ROIDIZ (Ribadume)
Posiblemente derivado de "Roi Diz", referindo a un antigo posesor do lugar. É unha hipótese que confirmaría (ou rexeitaría) a documentación antiga.
Aínda que máis improbable a priori, tamén podería provir de *(uilla) Roderici, forma en xenitivo de Rodericus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica. A evolución non sería extraña : Roderici > Roiriz, e daí para  Roidiz por disimilación.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SA DE ABAIXO (Vilavella), SA DE ARRIBA (Vilavella)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", en "Historia de la lengua española". 2004. Barcelona).
Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. Roberts, E. A. e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996. Madrid).

SANGOÑEDO (O Freixo)
Lugar onde abundan os sanguiños (planta).

SEOANE (Espiñaredo)
O nome deste núcleo de poboación, é un haxiotopónimo, derivado de Sanctus Iohannes (San Xoán).
Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

SERRÓN (O Freixo)
Un "serrón", en sentido figurado, indica unha "montaña apuntada e larga", o cal sería tamén este caso, aínda a falta de comprobalo no terreo.

SESULFE (Bermui)
De *(uilla) Sesulfi, forma en xenitivo de Sesulfus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SOLLOSO (O Freixo)
Posiblemente de (terreo) solloso ("soleado"), lugar abrigado onde dá o sol.
Alternativamente, podería estar relacionada cun elemento prelatino *sal- ou *sol- relativo a hidrónimos. De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor.
Existe outro "Solloso" no Valadouro, no Vicedo e en Viveiro.

SOMEDE (Somede)
Haxiotopónimo, con orixe en "San Mamede", o nome do patrón da freguesía.
A evolución "San Mamede" > Samamede > Samede > Somede sería a normal en galego, con haploloxía das sílabas -ma-me-, e con labialización da vogal pretónica en contacto coa consoante bilabial, tal como acontece por exemplo en semana>somana, fenómeno ocorrente xa no medievo.

SUCADÍO (O Freixo)
O apelativo suco vén do latín sulcus. No dicionarios ven asucar como "facer sucos para sementar trigo ou centeo”, en canto que sucada ou sucado é a ‘leira ou terreo na que se abriron sucos’.
O termo sucadío sería un derivado de sucado, tal como labradío deriva de labrado.

TEIXEDELOS (San Pedro de Eume)
Diminutivo plural de "teixedo", lugar poboado de teixos, árbore conífera de nome científico Taxus baccata.

TERBÁ (Faeira)
Consérvanse atestacións antigas deste lugar, que foi estudado por Bascuas, quen cita un documento do ano 936, no cal aparece como (uilla) Tiuirai. A partir disto, deriva unha orixe en (uilla) Tibirani, forma en xenitivo de Tibiranus, nome do antigo posesor, nome de orixe prelatina (cf. p. 114 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

TRAMBASMERAS (O Deveso)
De "Entre ambas Meras", referido ao río Mera.
O río Mera moi probablemente corresponda co río Mearos que menciona Ptolomeo, e que situaría entre o cabo Ortegal e o río Navia (1).
Tamén o  Vale de Mera xa está atestado con ese nome no ano 966, nun documento do bispo Sisnando (2).
O nome ten probablemente unha orixe hidronímica paleoeuropea (3). Aínda que son varias as raíces *mer- que identifica Pokorny coas cales podería corresponder, podemos supor a raíz indoeuropea *mar- /mor- ‘auga detida’, relacionada así mesmo, entre outros, co nome de lugar Meira.
Esta é a orixe plantexada por Rosa Pedrero, quen lle asigna esta raíz para os elementos hidronímicos prerromanos  *mir- e *mer- (4). Similarmente Rivas asígnalle a orixe na raíz *m'r- 'auga' (5).
É interesante notar que o galego preservou o apelativo "mera" 'néboa moi húmida' (6), que probablemente teña igual orixe indoeuropea.

Notas:
(1) - cf. Ptolomeo, II.6.4; identificación que realiza Schulten (cf. p. 93, "Geografía y Etnografía Antiguas de la Península Ibérica").
(2) - cf. Tombo de Sobrado.
(3) - cf. p. 123 de E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
(4) - cf. R. Pedrero,1996. "El hidrónimo prerromano Mira".
(5) - cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín".
(6) - Di o dicionario de Eladio Rodríguez “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” .

TRAS DO FEAL (Bermui)
Lugar situado tras do feal. Un "feal" indica un herbal, un terreo que produce "feo" (cast. heno) (cf. DDD).

TRASTOI (Vilavella)
De *(uilla) Trastoi, referindo Trastoi ao nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe xermánica, composto polo tema Trast-, coa mesma orixe có gót. þrafstjan 'consolar', e máis o controvertido sufixo -oi.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

VIADOR (Vilavella)
De *(uilla) Viatori, forma en xenitivo de Viator, o nome do antigo posesor da uilla ("expotación agraria"), nome de orixe latina.
Alternativamente, o nome podería ter sido Venator 'cazador', nome tamén de orixe latina.

VILAR (O Freixo),  VILARIÑO (O Deveso), VILARMAIOR (O Freixo), VILARNOVO (As Pontes), 
Todos eles derivados ou compostos de vilar. Ver "O Vilar".



Toponimia maior das Pontes

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. Esperamos que poida ser de utilidade para o que s...